Creatividade e inclusión

Creatividade e inclusión

Os xoves culturais son un espazo temporal que a Escola habilita para recibir a persoas expertas que veñen a falarnos do seu traballo ou a poñer luz sobre algún tema complexo relacionado coa educación. Polo noso salón de actos pasou xente importante, pero nunca tivemos uns poñentes tan ilusionados, tan implicados e tan expertos co seu tema coma os de onte. Uns poñentes que conseguiron amosarnos con naturalidade, espontaneidade e, sobre todo, moita autenticidade de que eles queren cambiar o mundo e, para iso, propoñen pequenos retos.

Eses poñentes eran alumnos de infantil e primaria do CEIP Valle-Inclán que forman parte do Club de Convivencia do seu centro. Explicáronnos que era iso do Club de Convivencia e como traballan día a día para mellorar non só a convivencia no seu colexio, senón tamén na súa contorna. Así xurdiu o reto que se marcaron para este curso no que quixeron traballar a prol da inclusión educativa. Inspirados pola obra artística de Judith Scott, estes rapaces quixeron crear as súas propias esculturas e, ademais, propuxéronse chegar as 1000 pezas en poucas semanas. Un reto difícil se se fai só, por iso decidiron difundilo e axiña comezaron a chegar o seu centro centos de pezas procedentes de distintos colectivos e persoas aos que conseguiron contaxiar o seu entusiasmo. O resultado: 1289 esculturas. Con elas buscan agora financiar bolsas na Fundación Igualarte e animáronnos a mercar algunhas destas pezas feitas con tanto agarimo coma arte.

No 1º andar da Escola tedes unha pequena exposición das pezas creadas que foron trasladadas dende o Museo do seu colexio. Esas non están á venta, pero si atoparedes unha pequena mostra na Biblioteca de pezas que si están no mercado coas que poderedes axudar a financiar esas bolsas. Moitísimas grazas a estes artistas que quixeron compartir o seu tempo e a súa obra con todos nós e amosarnos coma a arte é unha forma de comunicación e, tamén, de cambiar o mundo que non entende de fronteiras nin de idades. Cumpriuse iso de que moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas cambia ás veces o mundo. Aos que estivemos alí algo nos cambiou.