Ambiente en el aula

Bienvenidos

El blog de actualidad de la Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo

Ir a Inicio

Ambiente en el aula

El pasado jueves tuvimos la suerte de recibir a un antiguo alumno, Iago Pérez Ramos, que regresó como veterano maestro a ofrecernos una charla amena sobre su día a día. Nos abrió una ventana a la realidad del aula que a veces nos queda tan lejana.

Un Día de Rosalía ben diferente

O pasado xoves, con motivo do Día de Rosalía, o alumnado de 3º de Educación Infantil colaborou con distintos colexios na celebración deste día aproveitando que tiñan a mañá libre. En concreto, colaboraron cos mestres dos colexios Compañía de María, Miralba, Maristas e Cluny nos actos que estes colexios tiñan programados para este día. Os nosos alumnos axudaron no desenvolvemento da celebración acompañando e dirixindo a case 300 alumnos nun percorrido polo Castro nas que había distintas actividades, entre elas, unha actuación musical. Foi un xeito máis de achegarse a esa realidade que desexan e que ás veces fica lonxe das nosas aulas universitarias. Rosalía estaría contenta de ver como tanta mocidade, tantas veces protagonista dos seus poemas, se reuniu onte para celebrar a súa figura.

Premios de Excelencia Académica

O pasado venres, 17 de febreiro, a nosa Escola vestiuse de gala porque brillou o esforzo e o talento.  

As nosas alumnas: María Gordejuela, Paula Lamela, Raquel Fragueiro, Fátima Loureiro, Macarena García e Diana Álvarez de Neira recibiron os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21 que concedeu a Xunta de Galicia nun acto celebrado en Santiago de Compostela. O reitor Manuel Joaquín Reigosa participou no devandito acto de entrega de galardóns, que contou tamén coa intervención do Presidente, Alfonso Rueda, do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez e dos reitores das universidades de A Coruña e Santiago. 

O obxectivo destes premios é recoñecer o traballo do alumnado que obtivo as millores cualificacións no curso en cada un dos cursos de grado oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG), excepto no último, no que o Goberno galego concede os premios de fin de carreira. Resultan un estímulo tanto pola dotación económica (1000-1500 euros) como pola raíz que os sustentan ao recoñecer o traballo ben feito, a dedicación e a constancia para conseguir un rendemento académico alimentado da millor formación.  

Como subliñou Alfonso Rueda: “En Galicia fai falta moito talento e vós representades o talento por excelencia”. Parabéns!

Hoxe celebramos o día de Rosalía


Xa dende fai un ano, grazas ao traballo da investigadora Sagrario Abelleira que acreditou a data de nacemento real, este día celébrase o día 23 de febreiro. Podemos facernos a pregunta de como sería a nosa historia, a nosa literatura, sen a figura desta muller. É máis, debemos facernos esa pregunta para que non se converta nunha desas estatuas que decoran as nosas prazas sen que ninguén repare nelas e se pregunte por que están aí. Convidámosvos a participar cos vosos versos ou algunha anécdota relacionada con ela na ‘exposición’ situada no corredor que dá acceso a cafetería. Deixámosvos este vídeo feito polas compañeiras da Biblioteca, con montaxe de Alicia Tarela.

Ver vídeo

Reunión de pastoral en Madrid

O noso capellán, Uxío Nerga, participou esta semana nunha reunión de pastoral en Madrid con outros capelláns das Universidades e Colexios da Fundación San Pablo CEU e San Pablo Andalucía. Foi un encontro que serviu para compartir inquedanzas, crear comunidade e pensar en propostas de futuro.

Taller de artes plásticas

Co segundo cuadrimestre, volven os talleres. Este mércores regresou o taller de artes plásticas, coordinado polo profesor Alberto Santos, que estivo dedicado a traballar a obra gráfica seriada. É dicir, aquelas obras creadas con medios que permiten a súa reprodución en serie. O taller de artes plásticas ten un horario de 13 a 15 h, na aula de Plástica e ten unha periocidade quincenal.

Sabía que esta experiencia ía ser inolvidable…

Enfrontarse a unha clase non é unha tarefa doada. Se ademais o fas como profesor de prácticas o asunto complícase un pouco, porque nos primeiros días non deixas de sentirte como unha ficha estraña que non atopa acomodo. Por iso, pasaron seguro ao comezo Celeste Lorenzo, alumna do Grado de Educación Infantil, Carlos Rodríguez e mais Raquel Fragueiro, alumnos do Grao de Educación Primaria, pero co paso dos días foron gañando a confianza dos seus alumnos, o seu cariño, e a ilusión e o entusiasmo foron deixando de lado o medo e a timidez dos primeiros días. Agora, sobre o horizonte albíscase xa a fin dun período que non esquecerán. Celeste tivo a sorte de compartir esta experiencia coa súa compañeira de carreira Yaiza Álvarez e Raquel decidiu volver a onde foi feliz como alumna, agora como mestra.

“Sabía que esta experiencia ía ser inolvidable, tanto a nivel académico como persoal, pero non me imaxinaba que sería para tanto”, afirma Raquel. E se é inesquecible é debido a que non hai maior recompensa que sentir que un alumno avanza grazas ao teu labor, así o destaca Celeste que traballa con nenos de cinco anos: “Gustaríame destacar a satisfacción que me produce ver como os meus alumnos e alumnas de 5 anos conseguen, despois de moito esforzo, alcanzar pequenos logros no día a día grazas á miña axuda”. Coincide tamén Carlos con esa apreciación de Celeste e destaca como o profesor se converte nunha figura de referencia: “Os nenos ven en ti unha nova figura de referencia e terás moitas anécdotas con eles, dende situacións graciosas que pasen na clase, a momentos máis íntimos e bonitos con algún neno que precisa a túa axuda e fala contigo”, iso si, engade que ás veces hai “momentos nos que terás que sacar o teu lado un pouco máis autoritario e poñer orde”.

Ese compromiso coa aprendizaxe do seu alumnado reafírmaos na súa vocación como mestres e, coma todos os bos mestres e mestras, cando saen pola porta da Escola as anécdotas e os problemas, ás veces tamén, van con eles para seren compartidas coa familia e amigos, porque contamos aos nosos o que nos importa e preocupa. “No meu tempo libre, coa familia ou amigos, comento anécdotas e os seus logros súper orgullosa, como se dos meus propios fillos se tratase”, afirma entre risas Raquel. E anécdotas teñen unhas cantas. A Celeste gústalle traballar e deseñar actividades e xogos con materiais reciclados. Un alumno seu moi observador e agradecido achegouse unha vez a ela e díxolle: -“Profe Celeste, eu cando consiga moito cartón na miña casa, voucho traer para que nos fagas máis xogos”. E un imaxina a ese neno pensando canto cartón se desperdicia no mundo, porque non hai unha Celeste preto. Raquel non pode evitar sentirse famosa cando os seus alumnos a paran pola rúa: “Párante pola rúa e preséntate os seus pais ou avós coma se foses o seu ídolo. Son marabillosos”.
Será mellor que non pensen en canto lles queda. Será mellor que aproveiten ben cada día deste período no que contrastan o aprendido nas aulas coa realidade. Dese contraste falan Carlos e mais Raquel: “Ao longo de toda a carreira aprendemos moitos conceptos teóricos, pero non é ata este momento cando aprendes realmente a levar unha aula e empregar os recursos idóneos” e, engade Carlos, “da cantidade de actividades que aprendes e de situacións que vives e que comezas a manexar ti como docente”.
Grazas a eles por compartir co resto da Escola a súa visión deste período. Talvez haxa quen non vexa nestas liñas nada novo, pero quen saiba ler entre liñas verá vocación, ilusión e a ledicia que produce esta profesión que non deixa de ser un privilexio no que ensinamos para lles facer vivir a outros a alegría dos nosos descubrimentos.