Enfrontarse a unha clase non é unha tarefa doada. Se ademais o fas como profesor de prácticas o asunto complícase un pouco, porque nos primeiros días non deixas de sentirte como unha ficha estraña que non atopa acomodo. Por iso, pasaron seguro ao comezo Celeste Lorenzo, alumna do Grado de Educación Infantil, Carlos Rodríguez e mais Raquel Fragueiro, alumnos do Grao de Educación Primaria, pero co paso dos días foron gañando a confianza dos seus alumnos, o seu cariño, e a ilusión e o entusiasmo foron deixando de lado o medo e a timidez dos primeiros días. Agora, sobre o horizonte albíscase xa a fin dun período que non esquecerán. Celeste tivo a sorte de compartir esta experiencia coa súa compañeira de carreira Yaiza Álvarez e Raquel decidiu volver a onde foi feliz como alumna, agora como mestra.
“Sabía que esta experiencia ía ser inolvidable, tanto a nivel académico como persoal, pero non me imaxinaba que sería para tanto”, afirma Raquel. E se é inesquecible é debido a que non hai maior recompensa que sentir que un alumno avanza grazas ao teu labor, así o destaca Celeste que traballa con nenos de cinco anos: “Gustaríame destacar a satisfacción que me produce ver como os meus alumnos e alumnas de 5 anos conseguen, despois de moito esforzo, alcanzar pequenos logros no día a día grazas á miña axuda”. Coincide tamén Carlos con esa apreciación de Celeste e destaca como o profesor se converte nunha figura de referencia: “Os nenos ven en ti unha nova figura de referencia e terás moitas anécdotas con eles, dende situacións graciosas que pasen na clase, a momentos máis íntimos e bonitos con algún neno que precisa a túa axuda e fala contigo”, iso si, engade que ás veces hai “momentos nos que terás que sacar o teu lado un pouco máis autoritario e poñer orde”.
Ese compromiso coa aprendizaxe do seu alumnado reafírmaos na súa vocación como mestres e, coma todos os bos mestres e mestras, cando saen pola porta da Escola as anécdotas e os problemas, ás veces tamén, van con eles para seren compartidas coa familia e amigos, porque contamos aos nosos o que nos importa e preocupa. “No meu tempo libre, coa familia ou amigos, comento anécdotas e os seus logros súper orgullosa, como se dos meus propios fillos se tratase”, afirma entre risas Raquel. E anécdotas teñen unhas cantas. A Celeste gústalle traballar e deseñar actividades e xogos con materiais reciclados. Un alumno seu moi observador e agradecido achegouse unha vez a ela e díxolle: -“Profe Celeste, eu cando consiga moito cartón na miña casa, voucho traer para que nos fagas máis xogos”. E un imaxina a ese neno pensando canto cartón se desperdicia no mundo, porque non hai unha Celeste preto. Raquel non pode evitar sentirse famosa cando os seus alumnos a paran pola rúa: “Párante pola rúa e preséntate os seus pais ou avós coma se foses o seu ídolo. Son marabillosos”.
Será mellor que non pensen en canto lles queda. Será mellor que aproveiten ben cada día deste período no que contrastan o aprendido nas aulas coa realidade. Dese contraste falan Carlos e mais Raquel: “Ao longo de toda a carreira aprendemos moitos conceptos teóricos, pero non é ata este momento cando aprendes realmente a levar unha aula e empregar os recursos idóneos” e, engade Carlos, “da cantidade de actividades que aprendes e de situacións que vives e que comezas a manexar ti como docente”.
Grazas a eles por compartir co resto da Escola a súa visión deste período. Talvez haxa quen non vexa nestas liñas nada novo, pero quen saiba ler entre liñas verá vocación, ilusión e a ledicia que produce esta profesión que non deixa de ser un privilexio no que ensinamos para lles facer vivir a outros a alegría dos nosos descubrimentos.