AVISO

Bienvenidos

El blog de actualidad de la Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo

Ir a Inicio

Un equipo internacional dirixido desde a UVigo estuda o contexto literario e histórico do “Cancionero de Baena”

O pasado venres, o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) facíase eco da seguinte noticia que queremos compartir convosco:
Un equipo internacional dirixido desde a UVigo estuda o contexto literario e histórico do ‘Cancionero de Baena’
Un equipo internacional de investigadoras e investigadores liderados desde a Universidade de Vigo polo catedrático Antonio Chas Aguión levan desde o ano 2015 estudando a contorna literaria e histórica do Cancionero de Baena. Son o grupo Nocelba e nel participan dúas profesoras a nosa Escola, Sandra Álvarez e mais Ana Caíño, xunto con especialistas de España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido e Estados Unidos.
O proxecto está financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que en 2023 lles renovou, por terceira convocatoria consecutiva, a financiación. “Non son frecuentes os equipos de investigación do ámbito das humanidades que acceden a este tipo de axudas e, no noso caso, xa é a terceira vez que o conseguimos”, explica Chas Aguión, director do Departamento de Literatura española e Teoría da literatura da Universidade de Vigo, moi satisfeito polo apoio que o ministerio lle vén outorgando a este proxecto e que permitirá darlle continuidade ata agosto de 2027.
No marco dese proxecto, as nosas compañeiras e profesoras estudan o papel das mulleres na creación literaria da época e mais a representación de colectivos minorizados por diferentes causas (políticas, étnico relixiosas, sociais, de xénero…) nos textos literarios do Cancionero de Baena.

Graduación 2020-2024

Di o dicionario da RAG que despedir é ‘acompañar por cortesía a unha persoa que marcha’. E iso fixemos o venres, pero non por mera cortesía (que tamén é importante, moi importante, porque é un signo de respecto a quen se despide) senon con moito cariño, emoción e coidado. As persoas que despedimos foron as promocións dos Graos de Educación Infantil e de Educación Primaria dos anos 2020-2024, case un centenar de mozos e mozas que poñían fin a súa etapa universitaria.
A tarde comezou cunha misa na Concatedral na que como lembrou o noso capellán. D. Uxío Nerga, comezaba o auténtico acto de graduación. Na eucaristía participou o alumnado e o coro de profesores que semanas antes estivo ensaiando co alumnado as cancións.  Despois, o acto continuou coa parte académica na que as tres palabras das que falabamos (cariño, emoción e coidado) foron as protagonistas.
O cariño veu da man dunhas orgullosas e emocionadas madriñas. A doutora Marta Peláez, madriña de Educación Infantil, fixo un retrato  dos seus afillados no que o humor foi un compañeiro imprescindible para descargar a emoción, o cariño e o orgullo que sentía polos seus afillados e que se palpaba no seu discurso. A doutora Sandra Fragueiro, madriña de Educación Primaria, non dubidou en describir aos nosos mestres como forxadores de soños e como persoas resilientes, pois foi un grupo que demostrou saber levantarse ante a adversidade, non unicamente a pandemia.
Se o cariño apareceu coas madriñas, a emoción puxérona os alumnos que saíron a representar os seus compañeiros. Diana Álvarez e Naimid Jael Goncalvez, de Educación Infantil, e Macarena García-Lastra e Carla González, de Educación Primaria, que botaron a vista atrás, agradeceron ás familias e amigos o seu apoio constante e timidamente quixeron albiscar un futuro cheo de retos ao que se enfrontan cheos de entusiasmo e formación.
E o coidado veu da man do PAS e das azafatas que cun traballo case imperceptible se encargaron de que todo o acto se desenvolvese sen problemas e de que todo saíse ben. O coidado e o respecto tamén se fixeron palpables nas autoridades: dona Margarita Pino, delegada da Universidade de Vigo; don Alfonso Díez Segura, director Corporativo do CEU; e don José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia que,  xunto coa nosa directora, María Jesús Ayuso, mestra de cerimonias, quixeron acompañar o noso alumnado neste día tan importante.
Moito cariño, moita emoción e moito coidado e solemnidade para despedir como merecen a estes futuros mestres e mestras que saen a vida laboral con ilusión e afouteza. A definición da RAG de ‘despedir’ queda curta para unha despedida como a do pasado venres.
Semper sint in flore, mestres e mestras!