Inauguración do curso académico

Bienvenidos

El blog de actualidad de la Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo

Ir a Inicio

Inauguración do curso académico

O mesmo día que o noso alumnado de cuarto comezaba as súas prácticas nos distintos centros educativos de toda Galicia que os acollerán durante seis meses, a Escola inauguraba solemnemente o curso académico 2026/27 da man de Ignacio Tosar, que nos falou sobre «Que fai un tipo coma min nun profesor coma este?: A vocación dos educadores no século XXI».

Ao longo da súa intervención, Tosar convidounos a reflexionar sobre tres cuestións fundamentais: por que ser docente hoxe, como exercer a profesión educativa na actualidade e, finalmente, que significa realmente querer ser profesor ou profesora. A partir do seu propio testemuño e da súa traxectoria vital e profesional, puxo tamén o foco nunha idea especialmente interesante: a tendencia a hipertrofiar o concepto de vocación docente, como se para dedicarse ao ensino fose imprescindible sentir desde o primeiro momento unha chamada inequívoca cara á profesión. Fronte a esta visión, defendeu que a vocación tamén pode construírse co tempo, a través da experiencia, do encontro cos demais e do propio exercicio da profesión. Non sempre é necesario saber desde o principio que queres ser docente: ás veces, a vocación chega despois.

Unha reflexión especialmente pertinente para unha comunidade educativa como a nosa, formada por persoas que están a iniciar o seu camiño profesional e por docentes que acompañamos ese proceso cada día.

Con esta conferencia damos comezo a un novo curso académico, no que seguiremos aprendendo, ensinando e preguntándonos tamén por que escollemos dedicarnos a educar. 28/09/2026

Unha mañá para comezar xuntos.

O curso comeza e na Escola  quixemos darlle a benvida ao alumnado de 1º como mellor sabemos: compartindo. Houbo chocolate, fútbol, mochilas que chegaron ás mans dos novos alumnos e alumnas da man das súas titoras e, sobre todo, tempo para coñecerse e crear os primeiros vínculos.  A actividade, coordinada polo PAT (Plan de Acción Tutorial), contou coa participación de todas as titoras e do alumnado de 2º de de Educación Primaria que puxo o seu gran de area, colaborando no servizo do chocolate e facendo posible este pequeno gran encontro entre cursos.
E unha mención especial para Mari, porque o seu chocolate, unha vez máis,  quentou a mañá e marcou ese momento de encontro que fai que unha escola sexa moito máis ca un lugar onde aprender.
Benvidos e benvidas á Escola. Que este sexa só o primeiro de moitos momentos compartidos. 10/09/2026