
O mesmo día que o noso alumnado de cuarto comezaba as súas prácticas nos distintos centros educativos de toda Galicia que os acollerán durante seis meses, a Escola inauguraba solemnemente o curso académico 2026/27 da man de Ignacio Tosar, que nos falou sobre «Que fai un tipo coma min nun profesor coma este?: A vocación dos educadores no século XXI».
Ao longo da súa intervención, Tosar convidounos a reflexionar sobre tres cuestións fundamentais: por que ser docente hoxe, como exercer a profesión educativa na actualidade e, finalmente, que significa realmente querer ser profesor ou profesora. A partir do seu propio testemuño e da súa traxectoria vital e profesional, puxo tamén o foco nunha idea especialmente interesante: a tendencia a hipertrofiar o concepto de vocación docente, como se para dedicarse ao ensino fose imprescindible sentir desde o primeiro momento unha chamada inequívoca cara á profesión. Fronte a esta visión, defendeu que a vocación tamén pode construírse co tempo, a través da experiencia, do encontro cos demais e do propio exercicio da profesión. Non sempre é necesario saber desde o principio que queres ser docente: ás veces, a vocación chega despois.
Unha reflexión especialmente pertinente para unha comunidade educativa como a nosa, formada por persoas que están a iniciar o seu camiño profesional e por docentes que acompañamos ese proceso cada día.
Con esta conferencia damos comezo a un novo curso académico, no que seguiremos aprendendo, ensinando e preguntándonos tamén por que escollemos dedicarnos a educar. 28/09/2026


