Torneo de Fútbol

Torneo de Fútbol

Hai eventos deportivos que mobilizan masas: a Champions, a Liga ou o Mundial que xa asoma polo horizonte. Nada comparado ao torneo de fútbol organizado na nosa Escola por tres alumnas de 3º de Educación Infantil —Claudia, Victoria e Carla—, que durante dous xoves converteu o patio universitario nun escenario de alta tensión competitiva, celebracións épicas e, por momentos, auténtico xornalismo de investigación.
Porque esta noticia, hai que dicilo, non foi fácil de escribir. A pesar dos intentos desta redactora por conseguir datos oficiais, declaracións ou, cando menos, unha mínima nota de prensa por parte da organización, o silencio foi absoluto. Nin resultados, nin clasificacións, nin rolda posterior aos partidos. Probablemente os exames tiveron algo que ver, pero que o alumnado organice algo ben merece una reportaxe, así que non quedou outra que facer de xornalista: contrastar fontes, analizar fotografías, entrevistar a participantes e reconstruír os feitos case como quen investiga un crime:
E os feitos foron os seguintes:
O torneo disputouse durante dous xoves ( 7 e 14 de maio) e reuniu a numerosos equipos de distintos cursos e titulacións que xogaron para meterse na final que se celebrou onte. Na final de categoría mixta, enfrontábanse La NASA, de 3º de Infantil, e Pollitos, de 1º de Primaria. Contra todo prognóstico —ou quizais non—, La NASA impúxose e levou o trofeo nun partido moi disputado. Pola súa banda, na categoría feminina, FUTWOLF, de 3º de Primaria, mediuse coas Celestes, de 1º de Infantil A. O encontro deixou grandes xogadas e unha vitoria final para o equipo de infantil, quen contaba nas súas filas con Marta Blanco, xogadora que tamén se dedica a docencia. Por último, no torneo masculino, os Streat Celtarras, de 3º de Primaria, caeron fronte ao equipo de 2º de Primaria, (Paréntesis), tras outro partido cheo de competitividade, tensión e moi reñido, segundo fontes.
A entrega de trofeos estivo presidida polo bispo Antonio Valín e pola nosa directora María Jesús Ayuso, que puxeron o broche final a unha competición que xa forma parte da historia deportiva —e case tamén xornalística— da Escola. Porque hai torneos que se xogan no campo… e outros que tamén hai que investigalos.
Redacción: Ana Caiño (15/05/2026)