
A comunidade educativa da Escola celebrou a tradicional eucaristía de fin de curso en honra da Virxe María, un encontro para agradecer todo o vivido, aprendido e compartido ao longo destes meses. A celebración, coordinada e organizada polo Departamento de Pastoral da Escola, estivo presidida polo bispo Antonio Valín, quen na súa homilía partiu das palabras do Evanxeo: “Este é o meu mandamento: que vos amedes uns aos outros como eu vos amei”.
A partir desta mensaxe, lembrou que probablemente este sexa o mandamento máis difícil de vivir e practicar, pero tamén o máis necesario. Animou o alumnado a comprender que todos somos discípulos e non servos, chamados a construír relacións baseadas no respecto, no coidado e na entrega aos demais. Nun contexto educativo, destacou tamén a importancia de trasladar ese compromiso á futura tarefa docente, facendo do amor, da empatía e da atención ás persoas unha maneira de estar no mundo e de exercer a profesión docente.
A celebración contou coa participación do alumnado, do persoal de administración e servizos e do persoal docente e investigador, que tomaron parte nas diferentes lecturas, petición, cantos e momentos da eucaristía. Ademais, realizouse unha ofrenda floral á Virxe María como símbolo de gratitude polo curso compartido. O curso 2025/2026 vai chegando ao seu fin e, con el, reafirmamos a nosa fe, a nosa esperanza e o compromiso de seguir construíndo unha escola e unha sociedade máis humanas, guiadas polo coidado, o respecto e a entrega aos demais. (15/05/2026)



