Cóntame un conto

Cóntame un conto

Quen escribe isto preguntou cantos anos se leva organizando o Concurso de Contacontos e non houbo unha resposta clara, pero si unanimidade en que moitos anos. A pregunta era obrigada, porque basta con observar o decorado, a elección do lema e o coidado que poñen Rosa e mais Alicia para que todo saia ben para decatarse do gran traballo que hai detrás e da súa ilusión para que a literatura infantil e xuvenil teña o seu lugar nunha Escola que forma a futuros mestres. Por iso, hai que agradecerlles non só a elas, senón tamén a Lisa Sun, Manuela Lema, Julián Díaz, Lucía Blanco e Alba García que se animasen a participar e a todo o público que quixo acudir, aplaudir e deixarse engaiolar durante unha hora polas historias. Non hai misterio. Abondan tres palabras: Érase unha vez… para que sen saber como nos traslademos a outra realidade.
Con Manuela Lema acompañamos a Cocorico a facer un biscoito e cantamos tamén. Julián contounos a historia de Una gran sorpresa que unha estraña familia lle tiña preparada a unha xirafa. Con Lucía Blanco, iniciamos unha investigación escatolóxica acompañando a unha toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Alba presentounos o dilema de Dani: que facer se sospeitas que a túa mascota e un dinosauro? E malia que Lisa se empeñou en que non abrísemos ese libro. Xa era moi tarde, xa estabamos dentro do mundo da ficción coma rapaces pequenos cando de súpeto apareceu unha ratiña presumida cunha serie de pretendentes chamando a súa porta.

E falando de decisións difíciles, non só a ratiña tivo problemas, pois o xurado tardou en decidirse, pero despois de moita discusión, a profesora Fernanda, membro de honor esta edición, comunicou que a gañadora fora Manuela Lema, de 1º de Educación Infantil B, coa súa historia de Cocorico. E despedímonos unha edición máis cun sorriso, por este ano colorín colorado este conto está acabado.

Texto: Ana Caíño