
Este 23 de abril, oito grupos aceptaron o caso —entre eles, un formado por profesorado—. A investigación non ofrecía atallos: un crucigrama, unha sopa de letras, un crebacabezas e unha adiviñanza final obrigaban a ler con precisión, pensar con método e desconfiar do evidente. Cada resposta abría unha nova liña de investigación; cada erro afastaba da verdade.
Non foi un desenlace inmediato. Como en toda boa historia negra, fixeron falta intuición, contraste de hipóteses e unha lectura atenta das pistas. Pero un dos grupos conseguiu reconstruír o fío oculto que unía todas as probas e sinalou ao culpable nun tempo récord. Kira, Uxía e Eva, de 1º curso de Primaria, resolveron o caso en apenas catro minutos.
Caso pechado, pero quedou algo no aire: a certeza de que, entre estantes e páxinas, os libros seguen agochando misterios para quen sabe lelos. E se esta historia foi posible, é grazas ao traballo minucioso e creativo de Rosa e Alicia, as nosas bibliotecarias, capaces de converter a lectura nun xogo, e o xogo, nunha auténtica investigación. Feliz día do libro!


