Para moitos alumnos e moitas alumnas, o venres rematou o camiño que comezaron no 2019. Rematou este percorrido académico e non o puido facer de mellor xeito. Notábase no ambiente a mistura de emocións enfontradas: felicidade e tristeza, pero felicidade por riba da tristeza.
A tarde comezou cunha misa na Concatedral na que o noso capellán nos ofreceu un tempo de paz, reflexión e agradecementos. Despois, o acto continuou coa parte académica na que as madriñas nos deleitaron coas súas verbas. A doutora Ana Caíño, madriña de Educación Infantil, explicou ao público como se lle colle cariño ao alumnado e como este vai evolucionando co paso dos cursos. Desde logo, o seu discurso foi froito da evolución dese cariño porque notábase admiración en cada palabra. A doutora Sandra Fragueiro, madriña de Educación Primaria, non dubidou en describir aos nosos mestres como forxadores de soños e como persoas resilientes, pois foi un grupo que demostrou saber levantarse ante a adversidade, neste caso camuflada baixo a forma de pandemia. Grazas, madriñas! Celeste Lorenzo, de Educación Infantil, e Carlos Fernández, de Educación Primaria, tamén nos deleitaron cos seus discursos. Ela contounos como foi esa viaxe de catro anos na que se atoparon unha estrada chea de dificultades que souberon sortear para chegar ao destino. El volveu recordar o tema da pandemia e contou ao público como era a vida realmente detrás das cámaras e o marabilloso que foi volver estar cos compañeiros despois do confinamento.
Os familiares presentes, PAS, PDI e alumnado gozaron dunha xornada completa, chea de emoción, de momentos inesquecibles e, sobre todo, de moitos sorrisos.
Futuros mestres, escoitade ben ás madriñas: moita sorte neste novo voo que agora comezades e non esquezades que vos botaremos moito de menos polo cariño construído nestes catro anos.
Parabéns, mestres e mestras!