Conferencia de Fina Casalderrey

Conferencia de Fina Casalderrey

Hoxe tivemos a sorte de recibir na escola a Fina Casalderrey, unha autora importante da Literatura Infantil e Xuvenil galega, cunha longa traxectoria literaria, profusamente premiada e avalada polo éxito entre o público lector e a crítica especializada. A única escritora candidata simultaneamente aos premios máis prestixiosos da LIX no ámbito internacional Premio Hans Christian Andersen e o Premio Memorial Astrid Lingren, que se fallarán o ano que vén.  

A súa charla comezou explicando o título da conferencia e as alternativas, para xa poñernos sobre aviso de que a beleza é importante, un contido en si mesmo, e que facer algo tan cotiá como beber auga pódese facer dun xeito fermoso. Do cotián, do labor diario dos mestres foi falando boa parte da súa charla. “O que fun como alumna axudoume a ser profesora”, dixo para falarmos dos seus máis de corenta anos como mestra. Pero era inevitable que aflorase tamén a Fina escritora e como vasos comunicantes explicounos como a Fina mestra e Fina escritora colaboraban e se nutrían mutuamente. Deunos un decálogo de como traballar a lectura na aula que se podería resumir, segundo ela, nunha soa norma: Se non che gusta ler, se non tes entusiasmo e case mellor que non a toques. Con exemplos de seus libros, doutros libros e mil anécdotas da súa longa traxectoria sen querer ou si, Fina falounos da forza da palabra, porque durante máis de 60 minutos moitas caras que sorrían cos ollos non apartaron a vista dela. Dixo tamén: “Aprendín moito máis do que ensinei”, pois nesta mañá chuviosa de outubro onde mellor era quedar na cama, nós aprendemos con Fina moito máis do que nos ensinou, porque o eco das súas palabras aínda resoaba polos corredores da Escola e abofé que nos acompañarán un tempo.