O cangrexo Sebastian tiña razón cando lle dicía a Ariel aquilo de que a vida baixo o mar era a mellor e, talvez, inspirados por ese espírito de Sebastian, o alumnado de 1º de Infantil traballou arreo e conxuntamente para deseñar un circuíto motor que tiña como tema O fondo do mar. Coordinados pola profesora Purificación García Cajide, traballaron máis alá das horas de clase para elaborar unha serie de actividades divertidas e educativas coas que espertar a imaxinación e o interese dos máis pequenos. E a verdade é que non decepcionaron. Desde sereas e buzos ata polbos e baby sharks, que converteron a aula de Psicomotricidade nun escenario marítimo onde os nenos puideron mergullarse nun mundo de fantasía e aprendizaxe.
A actividade comezou ás 10 da mañá cunha chegada entusiasta do Colexio San José de la Guía de 3, 4 e 5 anos, acompañados polas súas profesoras, algunhas delas, antigas alumnas da Escola. O ambiente estaba cargado de emoción e curiosidade, pois os nenos esperaban con ansias o que lles tiñan preparado. E así, tiveron que arrastrarse por un barco afundido no mar, onde buscaron tesouros e descubriron misteriosos obxectos escondidos. Logo, participaron nunha limpeza dos fondos mariños, recollendo plásticos e outros residuos que ameazan a vida mariña. Ademais, realizaron xogos de busca e captura de peixes, onde puxeron a proba a súa habilidade e rapidez.
Ao finalizar as probas, a sorpresa non se fixo esperar. Os nenos atoparon un tesouro nun cofre, que contiña non só deliciosas piruletas, senón tamén diplomas de participación no evento. As súas caras ilumináronse de alegría e satisfacción ao recibir os seus premios, e reflectían que o esforzo e a diversión ás veces van man a man.
En resumo, foi unha mañá inesquecible para os nenos do Colexio San José de la Guía, na que a aprendizaxe e a diversión se uniron nunha experiencia única, grazas ao proxecto dual desenvolvido polo alumnado de 1º de Educación Infantil. Seguro que moitos, como na famosa canción, saíron pensando que pode haber aí arriba que cause tanta emoción como este proxecto.