O currículo de Ángel Carracedo é inmenso. Case tanto como o libro do que nos veu falar onte. Un libro moi especial que todos temos, un libro con capítulos (os cromosomas) e con instrucións (xenes): o ADN. Esta metáfora posta por el é un claro exemplo do que foi a súa charla: moi amena e didáctica. Nela foi debullando en que consiste o seu traballo como xenetista ao fronte dun grande equipo multidisciplinar, falounos da orixe desta molécula que se formou hai catro mil millóns de anos para dar lugar a vida. E de novo, outro exemplo clarificador, se a vida é un día, os seres humanos levamos menos dun minuto na terra, porque a vida humana xurdiu hai douscentos mil anos. Isto tradúcese en que o ser humano é a especie menos diversa de todas e, como el sinalou, a diversidade é fundamental para garantir o éxito e a supervivencia da especie.
Da súa man fixemos un percorrido polas particularidades da especie humana (a comunicación, a curiosidade, o sentido da transcendencia) e das doenzas que lles afectan e canto hai nesas enfermidades de compoñente xenético e de compoñente ambiental. Cando xa estabamos cos conceptos ben aprendidos, saltamos ao sistema educativo actual. Se a comunicación e a curiosidade son algúns dos signos distintivos do ser humano, a educación non se pode basear só na memorización e na concentración.
O sistema educativo, segundo Ángel Carracedo, non está preparado para acoller a diversidade da especie humana, para respectala e valorala e precisa dunha transformación radical. Unha transformación necesaria, porque sen esa variabilidade a especie humana non poderá subsistir. Polo tanto, cómpre mudar axiña a concepción que temos do TDAH ou do TEA como algo unicamente negativo e tratar de adaptar os sistema para darlle acollida a esas persoas e que, así, deixen de sufrir. Foi unha desas charlas que deixan pegada e que se prolongan máis alá do aplauso final. Foi una sorte recibir a súa visita.