O venres 31 de marzo, cando todos marchaban destino as súas vacacións de Semana Santa, un grupo de persoas decidiu que as vacacións podían agardar unas horas ou non, porque tampouco é que aquilo fose un esforzo ou traballoso para elas. Ese grupo foi unha parte dos membros do Club de Lectura ‘Señora Phelps’ que decidiu visitar esa tarde a exposición ‘Unha árbore de historias: Cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego’ situada na Cidade da Cultura de Santiago. Alí puxeron rumbo este grupo de lectoras e visitaron esta exposición que fai un repaso á literatura infantil e xuvenil escrita en lingua galega durante o último século. Divida en oito seccións que se corresponden con esa metáfora da árbore (a semente, a escuridade, o tronco, as pólas, a luz, o agromar, a follaxe e os froitos) na mostra faise un percorrido pola xénese, o desenvolvemento e a consolidación deste xénero na nosa lingua. Alí puideron ver as primeiras edicións dalgunhas obras representativas do noso panorama literario como Memorias dun neno labrego ou A galiña azul e outros documentos autógrafos. Foi unha boa tarde, un bo xeito de comezar esas vacacións que hoxe parecen quedar tan lonxe.