No momento no que se escribe esta noticia anuncian a morte dunha muller e a súa filla a mans do pai. Xa son no que vai de ano 53 mulleres. A violencia contra as mulleres e as nenas segue a ser unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas e xerais. Calcúlase que arredor de 736 millóns de mulleres foron vítimas de violencia física ou sexual cando menos unha vez na súa vida. Trátase dunha lacra que se intensificou en diferentes entornas, incluído o lugar de traballo e os espazos virtuais, e que se viu agravada polos efectos da pospandemia, os conflitos e o cambio climático. Por iso, máis que nunca, a solución pasa por sermos conscientes deste problema, detectalo e buscar a prevención.
O pasado venres na Escola celebráronse distintas actividades para conmemorar o 25N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller. Ao abeiro do lema da UVigo deste ano, Tecendo mundos feministas. Desfacer a violencia e reparar a esperanza, e coordinadas pola Enlace de Igualdade da Escola, a profesora Montserrat Rúa, desenvolvéronse varias actividades en colaboración co profesorado e o alumnado. Entre elas, destacamos o visionado de curtametraxes nas aulas cun coloquio posterior, a elaboración de carteis e diferentes exposicións nos corredores e na nosa Biblioteca e a análise de textos literarios e de obras de LIX que abordan este asunto por parte das profesoras de literatura da Escola.