Se botamos unha ollada ao pasado e pensamos na presenza de mulleres nos nosos libros de texto de primaria, secundaria e mais bacharelato, seguramente nos sobrarían os dedos dunha man para contar cantas mulleres saían. Co obxectivo de visibilizar o labor desas mulleres en distintos eidos, a Escola de Maxisterio organiza co gallo do 8M unha exposición que estará visible durante as próximas semanas. Nela poderase ver unha selección de traballos realizados polo alumnado sobre mulleres galegas pioneiras en distintos eidos; o proxecto da Uvigo, «Quero ser investigadora», dirixido a nenas de secundaria, que busca valorar e visibilizar mulleres científicas contemporáneas e espertar a vocación investigadora entre os máis cativos, con figuras femininas da súa contorna; ademais dunha pequena mostra do fondo bibliográfico da nosa Biblioteca que permite traballar a igualdade a través da literatura nas aulas.
Animámosvos a que vos acheguedes a vela, porque o día de mañá será tarefa vosa educar en igualdade.