Ás para remontar o voo

Ás para remontar o voo

O pasado xoves celebrouse unha nova edición do Concurso de Contacontos, organizado por Biblioteca para conmemorar de xeito conxunto o Día Internacional do Libro Infantil e mais o Día do Libro. Baixo o lema ‘A hora de ler’ co que as nosas bibliotecarias nos quixeron lembrar que calquera momento do día é bo para ler, o acto comezou cunhas palabras de Rosa que quixo ler unha parte do manifesto escrito polo escritor canadiense Richard van Camp para celebrar o día 2 de abril: “As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día (…) As historias son medicina. Curan. Reconfortan. Inspiran. Ensinan”. Abofé que esa mañá chuviosa dun xoves de abril, o público remontou o voo grazas ás historias de Celeste Lorenzo que con Buscar falounos da importancia de levantar a cabeza no noso día a día e mirar o que temos en fronte; de Macarena (agora princesa, agora lobo) que repetía este ano coa segunda parte do conto que nos contou o curso pasado: Os lobos que viñeron cear; de Carla Somoza que nos trouxo Un conto cheo de lobos e de maxia; de Paula Lamela que tamén repetía con Outra vez, porque si, queriamos que volvese a contarnos un conto outraaa veeez; de Laura Malvido que nos fixo escalar ata a lúa para ver a que sabía e de Julián Díaz, que xa que estabamos na lúa, contounos a historia de Paco o rato e da súa expedición alí.  E xa para rematar, grazas ao conto que nos contaron Alicia e mais Rosa, percorremos con dez gatiñas viaxeiras distintos lugares da xeografía galega. 

A parte amarga quedou para o xurado que houbo de reunirse para decidir quen levaba os premios. Non é un tópico. O nivel foi tan alto que cando o xurado se retiraba, o distinguido público removíase no seu asento e murmuraba: ‘‘non quería eu ser eles, menuda papeleta”. E si que o foi, pero había que decidir e decidiuse. O segundo premio foi para o alumno de 1º de Infantil, Julián Díaz que nos ensinou co seu conto que ás veces non hai que ir moi lonxe para valorarse a un mesmo e que hai que sorrir máis. O primeiro premio foi para Carla Somoza, porque, como o seu alumno de prácticas, cando rematou de contar a historia, todos dixemos este conto é máxico, si, pero foi máxico por como nolo contou ela.  

Grazas un ano máis (e xa non sabemos cantos van) a Rosa e mais Alicia, as nosas bibliotecarias, por organizar con tanto agarimo este concurso, polo seu traballo cotián e polo seu entusiasmo. Abril non é tan cruel con vós. Grazas a Celeste, Macarena, Carla, Paula, Laura e Julián. GRAZAS por darnos ás para remontar o voo neste final de cuadrimestre.  E grazas tamén a ese público ilustre que nos quixo acompañar, foi todo un honor contar coa vosa presenza.  

O ano que vén, máis.