
O pasado xoves, o alumnado e profesorado tivemos o pracer de asistir á conferencia Abrazar coas palabras, impartida pola escritora, narradora oral e poeta Charo Pita, grazas a colaboración coa @aelg.galiza. Ao longo dunha hora chea de historias, reflexións e humor, Charo Pita falounos da figura do narrador —que non mente, senón que fabula, que transforma o real en palabra— e percorreu os distintos tipos de contos da tradición oral: as retahílas, os contos de costumes, as fábulas e, sobre todo, os contos marabillosos, nos que centrou boa parte da súa intervención. Reivindicou que a literatura infantil non debe estar baleira de contido, nin limitarse a reflectir a realidade, porque —como ela mesma dixo— “a realidade xa a vivimos, pero a literatura dálle ao lector outras cousas, outras posibilidades”. Falou tamén de historias como A segunda princesa, da orixe dos griots africanos (os narradores tradicionais) e das múltiples versións de Cincenta que existen no mundo.

Charo Pita, partindo dunha cita de Martín Garzo, comparou o acto de contar cun xesto de acollida: “Contar é construír unha casa de palabras, e nesa casa metemos á cativada”. E lembrounos, citando a Montaigne, que educar non é “encher unha caixa baleira”, senón “acender un lume”. A través dos contos, dixo, tamén se poden abordar temas tabú como a morte, e puxo como exemplo a historia de Jack e a Morte. Falounos deses sabios parvos tan presentes nos contos e tan semellantes aos nenos e nenas, que ás veces sorprenden cunha lucidez inesperada. Durante a charla, compartiu numerosas referencias bibliográficas para continuar afondando na literatura oral e infantil, e rematou coa narración dun conto africano de dilema, no que nos invitou a participar e a buscar xuntos a mellor resposta. Foi unha sesión chea de aprendizaxe, emoción e beleza, pola que queremos agradecer sinceramente a Charo Pita (@charopita_silvestre) o seu tempo, a súa palabra e a súa maneira de acender en nós ese lume da curiosidade e do amor polos contos.



