Onte, o Club de Lectura Señora Phelps dedicou a súa sesión a comentar e analizar a obra de Juan Muñoz, un escritor que falecía este luns aos 93 anos. Foi a mellor homenaxe que se lle puido dar a este autor que xa é un clásico da LIX española. Todos os membros do Club coincidiron en sinalar os bos momentos que Fray Perico e o pirata Garrapata lles fixeron pasar coas súas situacións absurdas, ridículas e cómicas. Isto foi un dos grandes logros deste autor: conseguir que moitas xeracións asociasen a lectura coa risa e, grazas a el, se convertesen en lectoras. Non é doado dar coa fórmula e non é doado manterse no tempo.
Phelps anda preocupada… A fatal casualidade desta semana impactou os membros do club que levaban dende xaneiro preparando esta sesión, pero é que o próximo autor que lerán no Club será Roald Dahl, tamén tristemente protagonista nas últimas semanas. Phelps nega que todo estea amañado e sinala que o programa de lecturas xa estaba fixado dende setembro, pero, ás veces, a vida e a ficción van da man.