Programa TEI

Programa TEI

A recente conmoción polo caso de Sandra, a nena de Sevilla, e a folga estudantil que mobilizou a milleiros de mozos —tamén a varios do noso centro— volveron poñer en primeiro plano a urxencia de afrontar o acoso escolar. Neste contexto, e para dar resposta ás inquedanzas do noso alumnado, a escola acolleu unha conferencia de María Gómez González sobre o programa TEI, Titoría entre Iguais, centrado na prevención do acoso e da violencia escolar. María defendeu que a docencia é “a profesión máis bonita do mundo” porque o profesorado actúa como salvavidas emocionais: a mirada atenta protexe a quen aínda non ten defensas.
Reflexionou sobre como a sociedade normalizou o maltrato e sobre a necesidade de educar no coidado. Explicou que o acoso aparece xa desde Infantil e que en Primaria se detectan máis casos non por maior concienciación, senón pola menor autorregulación e porque os programas de valores aínda non calaron con suficiente forza. Si hai máis casos en xeral respecto ao pasado pola maior concienciación social e pola capacidade crecente para identificar estas situacións.
María abordou o triángulo do acoso —vítima, agresor e espectador— e o peso do entorno que o permite. Relacionou autoestima, ansiedade, depresión e acoso, e subliñou o valor preventivo de traballar a autoestima desde as primeiras etapas. Presentou tamén o programa TEI, impulsado por Andrés González Bellido, baseado na titoría entre cursos superiores e inferiores e en actividades de desenvolvemento emocional na etapa de 0 a 8 anos. Lembrou a figura do coordinador TEI e o deseño emocional da aprendizaxe: aquilo que chega ao corazón é o que realmente se aprende.
A conferencia enmarcouse, ademais, na celebración do Día do Mestre, que terá dúas xornadas: a de esta sesión formativa, e a do vindeiro 4 de decembro, que incluirá unha misa presidida polo bispo e o noso tradicional acendido da árbore.