Non todos os días se ten a oportunidade de escoitar a un autor clásico da LIX falar da súa obra e iso foi o que pasou o pasado xoves. Ramón Caride veu acompañado de Said e de Sheila, de Xan Farrapeiro, de Sara e mais Ruki e de todas as historias que ao longo dos seus trinta anos como escritor foi creando para o público infantil. Na súa charla abordou cales son os eixos temáticos da súa narrativa infantil: o interese polas lendas e o conto tradicional, o papel da ciencia nas sociedades avanzadas, a ecoloxía e a crítica social. Reivindicou o poder do libro e de contar historias fronte ao perigoso desenvolvemento da IA, pois, como sinalou, non hai nada máis revolucionario que abrir un libro e que o tempo fique suspendido. Grazas a Ramón e mais @aelg.galiza por este encontro na nosa Escola.