Na imaxe non están todos os que foron. Nin foron tampouco todos os que están no club, pero un grupo de membros do club de lectura ‘Señora Phelps’ visitou este luns a Biblioteca Pública Juan Compañel. Guiados pola directora da Biblioteca e unha bibliotecaria, puideron coñecer a sala de préstamo infantil, ver que criterios seguen para organizar os libros por (idade e por temáticas), souberon que é unha bebeteca e puideron comprobar que os rapaces (malia o panorama que nos pintan e que aceptamos comodamente) len e len moito.
Ao final, como a visita foi tan ben, o grupo dispersouse: uns quedaron facendo o carné de socios da Biblioteca e outros saíron fóra para comentar as curiosidades da visita. Por iso, non hai foto de todas xuntas, porque ás veces as cousas saen así e menos mal que sempre hai unha Macarena que ten a habilidade de sacar unha foto para o recordo dende unha ventá. A señora Phelps xa matina en máis cousas para o seu club. Grazas a todos os que acolledes tan ben estas propostas.