Dentro das múltiples actividades que se desenvolven no programa de voluntariado da nosa Escola, queremos destacar hoxe o labor que un grupo de estudantes, acompañados pola nosa directora, María Jesús Ayuso, realiza cun grupo de mulleres con distintas discapacidades procedentes do centro Esclavas de la Virgen Dolorosa.
Dúas veces ao mes, estas mulleres visitan a nosa escola onde son recibidas por este grupo de alumnos e xunto a eles pasan unha boa tarde realizando distintas actividades que os nosos estudantes preparan para elas con agarimo. Despois de realizalas, xúntanse ao redor dunha merenda na que comparten as súas historias e as súas inquedanzas. A xornada remata cantando, bailando e pasándoo ben todos e todas xuntos. Como destaca o alumnado participante, é un xeito de aprender máis alá das aulas.