Un ano máis para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora, a enlace de igualdade da Escola, a profesora Montserrat Rúa, impulsou a VI edición do concurso de fotografía Donas de si. Un concurso que naceu para recoñecer a todas esas mulleres anónimas que co seu traballo cotiá sosteñen a vida de tantos e co seu exemplo inspiran. Nesta edición a participación foi un éxito, pois recibíronse preto de corenta fotografías que estiveron expostas no primeiro andar da Escola durante un mes. Nese tempo, toda a comunidade educativa puido votar pola súa favorita e a fotografía con máis votos foi a de Ariadna Martínez Rodríguez cunha imaxe titulada, “Mulleres que cultivan o futuro”, coa que quixo retratar a unha muller traballando no campo que simboliza o esforzo e a conexión coa terra. O seu título, ademais, salienta o rol esencial das mulleres na construción dun futuro sostible. Parabéns, Ariadna e moitísimas grazas a todos por participardes nesta homenaxe as mulleres!