I Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil

I Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil

A nosa compañeira e profesora María del Carmen Rodríguez Lorenzo participou os días 16 e 17 de febreiro no I Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Estudio e Promoción Internacional, organizado pola Universidade Rei Juan Carlos, en Fuenlabrada.  No marco deste encontro académico, a profesora presentou a comunicación titulada “El maestro como mediador de lectura: ¿una figura en peligro?”, na que reflexionou sobre o papel fundamental do profesorado como axente mediador entre o alumnado e os textos literarios, nun contexto marcado polos cambios nos hábitos de lectura e pola crecente presenza das pantallas. A súa intervención puxo o foco na necesidade de reivindicar a figura do mestre e da mestra como guía crítico, acompañante lector e construtor de comunidades lectoras, e subliñou os desafíos actuais que poden debilitar esa función mediadora.

A participación neste congreso pon de manifesto que, ademais do seu labor diario na aula, o profesorado do noso centro desenvolve tamén unha actividade investigadora e formativa e comparte en foros especializados os avances e reflexións derivados do seu traballo académico. Este compromiso coa investigación e coa transferencia do coñecemento contribúe a enriquecer a práctica docente e a fortalecer o vínculo entre universidade e escola. Parabéns, María, por representar o noso centro nun foro internacional de referencia no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil.