Non perdades a oportunidade de escoitar este xoves a Paula Carballeira, escritora, contacontos e actriz galega que xa estivo con nós fai dous anos. Nesta ocasión virá a falarnos da importancia de contar historias que permitan un diálogo intercultural, a inclusión do diferente, a riqueza da variedade, fuxindo de xeralizacións e de estigmatizar desde o descoñecemento. É dicir, como a narración, tanto oral como escrita, pode ofrecerlle ferramentas á infancia para afrontar uns temores favorecidos polas correntes de opinión e a información superficial das redes sociais, partindo da fabulación e do xogo. Neste momentos de guerra en Europa, pero tamén nos últimos anos, é cada vez máis unha realidade a chegada de refuxiados, nenos e nenas doutros países e culturas, por iso seguro que é ben interesante a proposta que nos vai traer. Que non cho conten logo, ocupa o teu asento e escoita con atención.