Creatividade e inclusión

Bienvenidos

El blog de actualidad de la Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo

Ir a Inicio

Creatividade e inclusión

Os xoves culturais son un espazo temporal que a Escola habilita para recibir a persoas expertas que veñen a falarnos do seu traballo ou a poñer luz sobre algún tema complexo relacionado coa educación. Polo noso salón de actos pasou xente importante, pero nunca tivemos uns poñentes tan ilusionados, tan implicados e tan expertos co seu tema coma os de onte. Uns poñentes que conseguiron amosarnos con naturalidade, espontaneidade e, sobre todo, moita autenticidade de que eles queren cambiar o mundo e, para iso, propoñen pequenos retos.

Eses poñentes eran alumnos de infantil e primaria do CEIP Valle-Inclán que forman parte do Club de Convivencia do seu centro. Explicáronnos que era iso do Club de Convivencia e como traballan día a día para mellorar non só a convivencia no seu colexio, senón tamén na súa contorna. Así xurdiu o reto que se marcaron para este curso no que quixeron traballar a prol da inclusión educativa. Inspirados pola obra artística de Judith Scott, estes rapaces quixeron crear as súas propias esculturas e, ademais, propuxéronse chegar as 1000 pezas en poucas semanas. Un reto difícil se se fai só, por iso decidiron difundilo e axiña comezaron a chegar o seu centro centos de pezas procedentes de distintos colectivos e persoas aos que conseguiron contaxiar o seu entusiasmo. O resultado: 1289 esculturas. Con elas buscan agora financiar bolsas na Fundación Igualarte e animáronnos a mercar algunhas destas pezas feitas con tanto agarimo coma arte.

No 1º andar da Escola tedes unha pequena exposición das pezas creadas que foron trasladadas dende o Museo do seu colexio. Esas non están á venta, pero si atoparedes unha pequena mostra na Biblioteca de pezas que si están no mercado coas que poderedes axudar a financiar esas bolsas. Moitísimas grazas a estes artistas que quixeron compartir o seu tempo e a súa obra con todos nós e amosarnos coma a arte é unha forma de comunicación e, tamén, de cambiar o mundo que non entende de fronteiras nin de idades. Cumpriuse iso de que moita xente pequena en lugares pequenos facendo cousas pequenas cambia ás veces o mundo. Aos que estivemos alí algo nos cambiou.

Imaxinación, espazo e uns pequenos astronautas

O alumnado de primeiro curso do Grao de Educación Infantil organizou unha emocionante actividade de psicomotricidade para 52 nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos do Colexio Estudo que visitaron a nosa Escola o pasado venres  acompañados por catro profesoras.

Durante dúas horas, os pequenos participaron en seis actividades psicomotrices deseñadas polos nosos estudantes. O tema elixido para a actividade foi o espazo, e todas as actividades estaban relacionadas con el. Os nenos e nenas mergulláronse na aventura de axudar a unha marcianiña a recompoñer a súa nave e volver ao seu planeta, mentres realizaban diversas actividades como pasar por buracos negros, situar planetas e buscar estrelas. A actividade de psicomotricidade foi un éxito rotundo, cos nenos e nenas completamente inmersos na temática do espazo e gozando das diferentes actividades.  A creatividade e a orixinalidade da actividade fomentou a coordinación e o desenvolvemento de habilidades motoras dos pequenos participantes.

A canción final composta por Eneko foi o broche de ouro da actividade, na que todos os nenos e nenas uníronse para cantar e celebrar o éxito da súa misión no espazo. O alumnado de primeiro curso do Grao de Educación Infantil demostrou o seu compromiso e habilidades pedagóxicas na organización desta emocionante actividade de psicomotricidade, baixo a supervisión e a axuda da súa profesora e titora Purificación García Cajide.

Proyecto dual

Os alumnos de 1º de Educación Infantil levan días preparando con coidado, entusiasmo e moito cariño unha sesión de Psicomotricidade para recibir o próximo venres ao alumnado de Educación Infantil do Colexio Estudio. Despois de varios anos en que pola pandemia non se puido levar a cabo, regresa o proxecto dual, coordinado pola profesora Purificación García Cajide, que pretender achegar ao noso alumnado a realidade das aulas.