Misa de defuntos

Bienvenidos

El blog de actualidad de la Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo

Ir a Inicio

Misa de defuntos

Onte celebramos a misa en lembranza dos nosos defuntos, porque fronte a morte o único que temos é o recordo, por iso quixemos reunirnos para rezar por todos eles. Foi tamén un día de estreno para un grupo de valentes coristas que, con apenas ensaios, quixeron estrenar o seu repertorio. Por diante quedan moitas misas e actos que preparar, moito repertorio que aprender, certo marxe de mellora… e moita ilusión para ir afrontando todos os retos que veñan. A Escola ten un coro disposto a poñer a música onde faga falta.

Libros para soñar

O alumnado das materias de Didáctica da Lingua e Literatura Español e mais de Lingua e Literatura Galego, acompañados pola súas profesoras Marta Peláez e Ana Caíño, visitaron este martes a librería ‘Libros para soñar’. Foi unha clase de literatura diferente na que o alumnado puido comprobar de primeira man os distintos tipos de libros por etapas (dende 0 anos ata toda a etapa de primaria), reflexionar sobre que entendemos por literatura infantil e xuvenil e o difícil que é ás veces ter criterios de calidade á hora de escoller un bo libro. Unha mañá distinta cunha aprendizaxe directa.

Conferencia

Con Paula Carballeira como condutora, esta mañá viaxamos a outras culturas con Basilisa a fermosa, cun coello africano, cos yinns e outros personaxes da tradición oral para comprobar que non somos tan diferentes malia que nos separen miles de quilómetros e para saber que ás veces o descoñecido podes ser ti. Aprendemos que as narracións orais poden ser unha gran ferramenta para afrontar os medos e, sobre todo, serven para construír novas realidades cando todo semella destruído. Grazas a Paula Carballeira por converternos por un momento en coellos e leoas dispostos a enfrontar calquera medo.

Un curso novo

Para os de cuarto será un curso inesquecible.
Para os de terceiro será o curso de albiscar máis preto o horizonte.
Para os de segundo será o curso de camiñar con seguridade por un espazo xa coñecido.
E para os de primeiro… todo está por estrenar, todo está por coñecer.
Profesorado e PAS só agardan que o que está por vir sexa mellor que o anterior.
Un curso novo que inauguramos onte cunha Eucaristía, presidida por Jesús Robledo, Director de Pastoral e Voluntariado da FUSP, ao que agradecemos que quixese estar con nós nesta data tan importante e con Uxío Nerga, o capellán da nosa Escola. Seguidamente, o profesor Javier Pascual foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural na que abordou a filosofía que se agocha detrás das distintas leis educativas e o seu impacto na sociedade.
O curso 22/23 fica inaugurado, agora tocanos a nós ir tecéndoo con boa vontade e actitude.