Hoxe celebramos o día de Rosalía

Bienvenidos

El blog de actualidad de la Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo

Ir a Inicio

Hoxe celebramos o día de Rosalía


Xa dende fai un ano, grazas ao traballo da investigadora Sagrario Abelleira que acreditou a data de nacemento real, este día celébrase o día 23 de febreiro. Podemos facernos a pregunta de como sería a nosa historia, a nosa literatura, sen a figura desta muller. É máis, debemos facernos esa pregunta para que non se converta nunha desas estatuas que decoran as nosas prazas sen que ninguén repare nelas e se pregunte por que están aí. Convidámosvos a participar cos vosos versos ou algunha anécdota relacionada con ela na ‘exposición’ situada no corredor que dá acceso a cafetería. Deixámosvos este vídeo feito polas compañeiras da Biblioteca, con montaxe de Alicia Tarela.

Ver vídeo

Reunión de pastoral en Madrid

O noso capellán, Uxío Nerga, participou esta semana nunha reunión de pastoral en Madrid con outros capelláns das Universidades e Colexios da Fundación San Pablo CEU e San Pablo Andalucía. Foi un encontro que serviu para compartir inquedanzas, crear comunidade e pensar en propostas de futuro.

Taller de artes plásticas

Co segundo cuadrimestre, volven os talleres. Este mércores regresou o taller de artes plásticas, coordinado polo profesor Alberto Santos, que estivo dedicado a traballar a obra gráfica seriada. É dicir, aquelas obras creadas con medios que permiten a súa reprodución en serie. O taller de artes plásticas ten un horario de 13 a 15 h, na aula de Plástica e ten unha periocidade quincenal.

Sabía que esta experiencia ía ser inolvidable…

Enfrontarse a unha clase non é unha tarefa doada. Se ademais o fas como profesor de prácticas o asunto complícase un pouco, porque nos primeiros días non deixas de sentirte como unha ficha estraña que non atopa acomodo. Por iso, pasaron seguro ao comezo Celeste Lorenzo, alumna do Grado de Educación Infantil, Carlos Rodríguez e mais Raquel Fragueiro, alumnos do Grao de Educación Primaria, pero co paso dos días foron gañando a confianza dos seus alumnos, o seu cariño, e a ilusión e o entusiasmo foron deixando de lado o medo e a timidez dos primeiros días. Agora, sobre o horizonte albíscase xa a fin dun período que non esquecerán. Celeste tivo a sorte de compartir esta experiencia coa súa compañeira de carreira Yaiza Álvarez e Raquel decidiu volver a onde foi feliz como alumna, agora como mestra.

“Sabía que esta experiencia ía ser inolvidable, tanto a nivel académico como persoal, pero non me imaxinaba que sería para tanto”, afirma Raquel. E se é inesquecible é debido a que non hai maior recompensa que sentir que un alumno avanza grazas ao teu labor, así o destaca Celeste que traballa con nenos de cinco anos: “Gustaríame destacar a satisfacción que me produce ver como os meus alumnos e alumnas de 5 anos conseguen, despois de moito esforzo, alcanzar pequenos logros no día a día grazas á miña axuda”. Coincide tamén Carlos con esa apreciación de Celeste e destaca como o profesor se converte nunha figura de referencia: “Os nenos ven en ti unha nova figura de referencia e terás moitas anécdotas con eles, dende situacións graciosas que pasen na clase, a momentos máis íntimos e bonitos con algún neno que precisa a túa axuda e fala contigo”, iso si, engade que ás veces hai “momentos nos que terás que sacar o teu lado un pouco máis autoritario e poñer orde”.

Ese compromiso coa aprendizaxe do seu alumnado reafírmaos na súa vocación como mestres e, coma todos os bos mestres e mestras, cando saen pola porta da Escola as anécdotas e os problemas, ás veces tamén, van con eles para seren compartidas coa familia e amigos, porque contamos aos nosos o que nos importa e preocupa. “No meu tempo libre, coa familia ou amigos, comento anécdotas e os seus logros súper orgullosa, como se dos meus propios fillos se tratase”, afirma entre risas Raquel. E anécdotas teñen unhas cantas. A Celeste gústalle traballar e deseñar actividades e xogos con materiais reciclados. Un alumno seu moi observador e agradecido achegouse unha vez a ela e díxolle: -“Profe Celeste, eu cando consiga moito cartón na miña casa, voucho traer para que nos fagas máis xogos”. E un imaxina a ese neno pensando canto cartón se desperdicia no mundo, porque non hai unha Celeste preto. Raquel non pode evitar sentirse famosa cando os seus alumnos a paran pola rúa: “Párante pola rúa e preséntate os seus pais ou avós coma se foses o seu ídolo. Son marabillosos”.
Será mellor que non pensen en canto lles queda. Será mellor que aproveiten ben cada día deste período no que contrastan o aprendido nas aulas coa realidade. Dese contraste falan Carlos e mais Raquel: “Ao longo de toda a carreira aprendemos moitos conceptos teóricos, pero non é ata este momento cando aprendes realmente a levar unha aula e empregar os recursos idóneos” e, engade Carlos, “da cantidade de actividades que aprendes e de situacións que vives e que comezas a manexar ti como docente”.
Grazas a eles por compartir co resto da Escola a súa visión deste período. Talvez haxa quen non vexa nestas liñas nada novo, pero quen saiba ler entre liñas verá vocación, ilusión e a ledicia que produce esta profesión que non deixa de ser un privilexio no que ensinamos para lles facer vivir a outros a alegría dos nosos descubrimentos.

Queridos avós e queridas avoas

Hai un conto de Gianni Rodari que todos deberiamos ler. Títulase A vella tía Ada. Talvez deste xeito entenderiamos que todos levamos un vello en nós, aínda que agora nos sintamos invencibles. Hai uns días, o director da Residencia de Anciáns de Campolongo mandaba unha mensaxe moi dura na que denunciaba como a sociedade vive allea a soidade dos maiores. Esa mensaxe chegou ás nosas aulas e o alumnado de 1º de Educación Infantil e mais parte do alumnado de 3º  de Educación Primaria e Infantil escribiron esta semana pasada postais para os maiores da residencias. En principio, as cartas vanse enviar a Residencia de Maiores de Campolongo en Pontevedra, pero é probable que se repartan con outras, pois a resposta a esa mensaxe do director foi extraordinaria. Bo sería que non fixeran falta estas chamadas de atención e que isto non quedase só como nunha actividade de Nadal.

A señora Phelps despídese ata febreiro.

Pensar no agasallo, conseguilo, envolvelo e agardar que guste. Catro pasos que nestas datas todos facemos e a señora Phelps non ía ser menos. No seu caso, tratándose dela, o agasallo non podía ser outra cousa que un libro e, coma o ano pasado, para clausurar o primeiro cuadrimestre, os membros do club marcharon para casa cun libro debaixo do brazo. Foron uns meses de acompañar a Momo e mais Bastian na súas loitas contra os inimigos da Fantasía e da imaxinación, de descubrir outra España con Celia de Elena Fortún e de ter un pouco de medo e intriga da man de Xabier P. Docampo. En 2023, agardan xa o pirata Garrapata, Fray Perico, Matilda, Charlie, Alicia no seu país e Willy, entre outros. Grazas a todos os membros do club de lectura por facelo posible. Ata febreiro!